EfaPiñeiralnoMelindre22

Así foi esta Festa do Melindre 2022

Con moitas ganas de desfrutar das excelencias da nosa repostaría tradicional abordamos a nosa participación nesta 30 edición da Festa do Melindre;  un evento que nos posibilitou coñecer as inmensas posibilidades do produto artesán, aprender de profesionais de referencia do sector e poder expoñer as nosas propostas de elaboracións e presentacións.

Nas semanas previas á Festa do Melindre  acollemos nas nosas instalacións un obradoiro liderado polo mestre reposteiro Alberto Rodríguez, de @doceriaestilo, co reto de elaborar sobremesas cos afamados ricos, melindres e amendoados melidenses.

 

Obradoiro da Repostaría Tradicional de Melide na Efa Piñeiral

Obradoiro da Repostaría Tradicional de Melide na Efa Piñeiral

O xoves día 05 de Maio fomos convidados ó «Faladoiro; tradición, dedicación e artesanía», unha tertulia na que os ponentes coincidiron en apuntar que é preciso loitar contra a desvirtualización da profesión motivada, en gran parte, pola perda de profesionais e o intrusismo no sector. Apuntaron tamén a necesaria tarefa a realizar para seguir loitando polo produto propio e a rercuperación das receitas tradicionais como elemento diferenciador.

A continuación do Faladoiro, tivo lugar a «Demostración Doce». Xunto coa EFA A Cancela de As Neves protagonizamos un showcooking que consistiu na elaboración e degustación de sobremesas concebidas e executadas polo alumnado do ciclo de panadaría, repostaría e confeitaría; “Timbal de rico, chocolate e limón” e  unha “Tatin de mazá con crumble de melindre” foron as nosas propostas; o timbal é unha aposta de alta repostaría mentras que o tatin é unha proposta  inspiracional, facilmente incorporable a calquer concepto de restauración, explicaron Estela e Lucía, as alumnas encargadas de liderar a demostración.

O Timbal é unha sobremesa que  nace como un intento de poñer en valor e dar novas aplicacións a un produto tradicional da repostería melidense: o rico. O rico é un elaboración única da área de Melide, unha especie de galleta dura moi peculiar caracterizada polos aromas lácteos que lle aporta a manteiga de vaca de extraordinaria calidade.

Nesta ocasión, na EFA Piñeiral deseñamos un prato no que buscábamos conseguir que o sabor do rico non pasase desapercibido, por ese motivo, decidimos incorporalo en varios formatos (nunha espuma, nun cruxiente e nun desmigado) para precisamente lograr aprecialo na elaboración.

No proceso creativo do prato, para dilucidar os resto dos compoñentes do prato, elaboramos varios xeados con froita (limón, pera, fresa, mango, coco, laranxa) e probámolo co desmigado de rico que fixemos, chegando á conclusión que o que máis non encaixaba era o de limón xa que lle aportaba o toque de acidez que necesitaba.

Tatin de rico pola Efa Piñeiral

Sobremesa de rico elaborada polo ciclo de panadaría repostaría confeitaría da Efa Piñeiral

Neste punto tiñamos xa os principais elementos que eran o limón e o rico, e optamos por elaborar un timbal de chocolate. O timbal é unha elaboración creada no Bulli por Ferrán Adriá con chocolate atemperado que ten unha presencia moi vistosa e elegante. Decantámonos por un recheo do desmigado caramelizado de rico, un cremoso de limón e a espuma de sifón a base de leite infusionada co rico. Xunto con estes elementos fixemos tamén un xeado de limón e unha redución de limón que emplatamos facendo unha liña con forma de S, co Timbal no medio e o xeado enriba do crumble para suxeitalo. Por último engadimos unhas flores deshidratadas a baixa temperatura para darlle un toque de cor e un cruxiente de rico, xarabe e glucosa, que fixo un efecto similar a un coral tuille aínda que un pouco máis groso.

A Tatin, pola súa banda, elaborouse  cunha base de streusel de rico,  mazá caramelizada e o crocante de melindre acompañado duchas esferas de licor mandarina.

Tatin de rico pola Efa Piñeiral

Tatin de melindre pola Efa Piñeiral

Non podíamos tampouco deixar de estar o día grande da Festa co noso stand; e para comunicar a actividade que íamos desenvolver nada mellor que implicar ó alumnado do noso ciclo superior de márketing e publicidade para deseñar o cartel anunciador.

As “Galetras” e as “Cunchinas de rico” foron as elaboracións escollidas polo alumnado e profesorado do noso ciclo de pastelaría e repostaría para seren exhibidas nesta 30 edición da  Festa do Melindre de Melide coma unha homenaxe á versatilidade da repostaría tradicional de Melide.

Os melindres  incoporáronse, ademáis, a orixinais presentacións coas que o alumnado do ciclo  sorprendeu a a asistentes e profesionais; “Doce Camiño” e “Sons de Foliada” renden tributo ó Camiño de Santiago, á artesanía e ó patrimonio cultural no seu conxunto.

O alumnado do ciclo de panadaría, repostaría e confeitaría realizou no stand unha demostración coas “Galetras” como protagonistas; orixinais galletas en forma de letra feitas con base de fariña de rico, recheas  de queixo D.O.P Arzúa e rematadas con orixinais toppings de froitas.

EfaPiñeiralnoMelindre22

Demostración de Galetras no stand da Efa Piñeiral

 

E é que, como ben di a nosa directora Ana Saavedra, a Festa do Melindre é un  evento que achega tanta notoriedade ó  sector da repostaría e pastelaría, sirve para visibilizar  a riqueza do excelente produto tradicional da nosa terra e as súas infinitas posibilidades tanto á hora de elaborar como á de presentar, e para poñer en valor a profesión de reposteiro e confiteiro, a cal nos consta goza dunha excelente empleabilidade.

Elaboracións da Efa Piñeiral na Festa do Melindre

Elaboracións da Efa Piñeiral na Festa do Melindre

E ata aquí o Melindre 2022, evento do que conservamos un estupendo sabor de boca. Grazas Concello de Melide , organización da Festa do Melindre e  Asociación Melide Terra Doce  pola convocatoria e convite, e grazas tamén a todos os profesionais e amigos cos que coincidimos e puidemos desfrutar.

Vémonos no Melindre 2023!